30 de marzo do 2024

 

Un non ten sempre a debida resposta ás preguntas que se formula. No meu caso, sempre me preguntei, e pregunteillo a quen puiden, porque nos barcos ás pezas de reposto se lles dicía de respeto. Na nosa fala a pregunta non necesita de resposta, pero si a necesita se un pensa en que o respecto, non é o mesmo que o respeto e, de paso, que tampouco non é o mesmo que o reposto. Agora non estou en condicións de explicar, porque acabo de entendelo. Pero espero que se me entenda.

Hoxe estando, La Peregrina a unhas duascentas sesenta millas náuticas ó leste da illa de Guadalupe, nas pequenas Antillas, o corpo xacente de Xavier Babé, debidamente amortallado, foi lastrado coa áncora de respeto do seu veleiro e somerxido no mar de acordo cos seus desexos. A decisión foi tomada pola súa familia, como non podía ser doutro xeito.

A min ofrecéseme coma a maior mostra posible de respeto, ofrecerlle o berce oceánico, tal e coma el desexou sempre, lastrando o seu corpo co peso de tal áncora. A iso me refería co xogo de palabras que ás veces se traen entre si ós idiomas; neste caso, estes dous nosos que non necesitan ser nomeados.

Cando se iniciou o proceso que conduciu ó noso capitán Babe á morte, foi oportuna e eficazmente estabilizado por Antonio Grandío, médico, amigo, e tripulante que agora, por indicación de Cristina, a esposa de Xavier, asumiu a responsabilidade de mandar o barco.

A indicación do propio Xavier, desprecintouse o cofre no que ían os actuais instrumentos de navegación e, nese momento, sóubose, soubérono eles, que a posición acadada logo de navegar miles de millas náuticas, era tan so a de dúas millas ó sur e vinte oito millas ó leste do porto de destino. Pódese considerar que o Reto Astrolabio, foi debida e completamente cumplido.

É bo, está indicado, que se saiban e repitan estes datos. Babé, tal e como o anunciara, navegou por estima durante todo ese tempo. Fíxoo utilizando tan só o seu coñecemento do medio no que elixiu vivir e botando man do que algúns denominan instinto. Non se valeu máis que dun astrolabio, tal e como se fixo ata o século XVII da nosa era, facendo gala do dominio dun xeito de navegar que antano era coñecido como arte de marear.

Agora o seu corpo xace no fondo do mar, retido pola ancora que, con enorme respeto, o lastrou levandoo a ese fondo oceánico de non sei exactamente cantos centos de metros, moitos en todo caso. Foi despedido como se despedía antes ós que morrían no mar. Cumpríronse os seus desexos.

Xa apenas quedan xentes que merezan tanto respeto, admiración tanta, como a suscitada pola vida de Xavier Babé. Non son moitos os seres que conseguen vivir, enteira e plenamente, de acordo cos seus principios, iluminando coa súa conducta a fráxil luz que recibe o ser humano. Xavier foi, é, un deles. Celebremos que puidera vivir como quixo facelo e expresémoslle a Cristina e ós seus fillos non só a desolación que poida invadirnos a cada un de nós, a cada un dos seus amigos, senón tamén o orgullo e maila gratitude que sentimos de nos poder considerar así, mentres La Peregrina, agora ó mando de Antonio Grandio, vai na demora que a conduza á illa Culebra, onde Xavier e Cristina, Cristina e Xavier, tiveron un dos seus fogares de repouso.