28 de marzo

 

Posición por estima:

Latitude 16º 54’ N

Lonxitude 51º 54 W

Posición por GPS:

Latitude 52º 04’ 31’’ N

Lonxitude 52º 35’ 42’’W

Xa non o recordo ben, polo tanto non debe ser tomada coma unha afirmación, pero, se non me falla a memoria, na súa segunda viaxe o entón xa almirante empregou vinte un días. Para navegar facendo uso dos mesmos instrumentos dos que dispuxo Colón e cun tráfico daquela inexistente vai ser, se non hai novidade, que La Peregrina fará o mesmo ó día de hoxe.

Miren o que acaba de suceder en Baltimore, recorden o que pasou na ferrolán ponte das Pías, e pensen no que pode suceder se unha mole coma elas pode levar por diante a un veleiro coma La Peregrina. De noite tódolos gatos son pardos, disque, e manobras feitas por despistados medio durmidos sempre son posibles. É certo que un veleiro ten sempre preferencia fronte a un buque a motor. É este o que debe alterar o seu rumbo, pero non é mentira que sempre hai o que os portugueses chaman (ou chamaban) un malandro, un desaprensivo que pensa que xa se apartará o veleiro pola conta que lle ten.

En fin, que debe ser a solemnidade que induce o día, hoxe é Xoves Santo, xoves de paixón, que o caso é que os recordos que evoca o día son os das recaladas nas illas caribeñas e os perigos que, coido eu, han seguir ofrecendo. Nassau en Saint Thomas son os portos que agora me veñén á memoria. Pero non se preocupen que hoxe non vai haber recordación ningunha. Tan só a valoración que ofrece a derrota seguida por La Peregrina e a reflexión que inducen os seus tripulantes. Mentres siga habendo xentes coma eles, o mundo seguirá sendo habitable a pesares de tantos que non teñen nada máis que ofrecer que loitas e ameazas que, abusos e prepotencia. En resume, que xa queda menos para o domingo e a celebración da Pascua de Resurrección. A min gústame máis tal día e, se me é permitido o que significa o Cristo Resucitado, atráeme moito máis que o que induce a contemplación Crucificado. Pero esa élles outra navegación, esta xa do ánimo, e so resta desculpar a licencia que me permitín, ofrecéndolles este último comentario.