27 de marzo

 

Posición por estima:

Latitude 17º 01’ N

Lonxitude 48º 08 W

Posición por GPS:

Latitude 17º 13’ 16’ N

Lonxitude 50º 00’ 13’’ W

De continuar levando a marcha que levan, en tres ou catro ou días, completarán o Reto, recalando na pequena illa chamada La Deseada, a mesma na que Cristobal Colón arribou na súa segunda viaxe a América. O real é a situación do GPS, van moito millor do que estiman ir. Ogallá sigan así, porque xa están cerca.

Iso será así de seguir ó mesmo ritmo, porque poden pasar dúas cousas e as dúas serían cousas normais, a saber: que chegaran antes, a primeira, ou que chegaran máis tarde, a segunda. Pero o máis probable é que cheguen dentro dos prazos que sinalou Xavier Babé antes de saír a cruzar o Océano Atlántico.

Mentres tanto, nós seguimos ó noso. Hoxe respondemos ás preguntas que nos fixeron os rapaces do colexio vigués de Sárdoma Moledo. Querían saber que animais poderían durante estes días os nosos navegantes. Dubido que lles responderamos a todas. Pero haberá que esperar a ver a gravación para non facelo das xa citadas.

Das non citadas podo recordar, agora, os pelícanos que rodeaban ó barco a primeira vez que arribei a San Juan de Puerto Rico e que eran unha completa e absolutamente unha novidade para o rapaz que entón eu era. Coido que na Deseada poderá habelos tamén. Pero postos a recordar cousas, evoco a impresión causada polas monxiñas dun convento, que animais eran, con perdón, pero racionais e a maioría delas coido que españolas. Vivían nun convento que había ó entrar no porto de San Juan e que, cando chegaba un barco español, eran avisadas polo práctico do porto e según entraba o barco e tiñas o convento de través, por babor, ondeaban un bandeira española. Estaban pertiño do castelo do Morro, que protexía ó porto en tempos de piratas ou de navios que non fosen precisamente amistosos. O capitán mandoume ir presentarlles o noso respecto e alá fun eu, armado cun ramallo de flores saídos sabe Deus de ónde, porque nun transatlántico habíalles de todo.

De volta xa para o barco, pensen que estou a falarlles do ano sesenta e seis ou sesenta e sete do pasado século, vin a primeira manifestación da miña vida, algo que non era doado ver en España. Cantaban un himno a Borinquen, reclamando a independencia da illa e ía encabezada por un matrimonio, no que o pai cargaba nos seus ombreiros cunha neniña de poucos anos.

Non sei se me emocionaron máis as monxas, os pelícanos ou a parella coa filla encabezando a manifestacións. Os bípedos implumes e parlantes, coñecidos coma seres humanos, sempre foron os animáis que máis atención me mereceron. Escuso dicirlles se eu, que fun lector afoutado de Torrente Ballester, tamén o seu amigo, me chego atopar coa serea que deu lugar á saga dos Mariño. Igual quedo alí.

Se acaso cóntolles mañá, se é que non o fixen xa e aínda que non veña ó caso, como estivemos outro e máis eu a piques de quedar en San Juan, sen diñeiro, sen pasaportes e sen roupa. Pero esa élles outra historia e sucedeu noutra oportunidade, pero entón sen manifestantes, pero con monxas e pelicanos e o Juan Sebastián Elcano cheo de gardamariñas, atracado cerca de onde nós o estabamos. En fin, a especie humana ofrece variedade de cualificacións e feitos curiosos. Estar chegando a octoxenario e poder recordar cousas tan distintas e peregrinas, tranquiliza moito a conciencia de vivir e ter vivido, malia que moitos non o crean. Home libre ti, sempre amarás o mar, que deixou dito Baudelaire e segue sendo certo… que llo pregunten ós tripulantes de La Peregrina.