26 de marzo

Posición por estima; é dicir, posición na que cren que están:

Latitude    16º 42’ N

Lonxitude 45º 54’ W

 

Posición por GPS; ou sexa, posición na que realmente están:

Latitude    17º 01’ 16’’ N

Lonxitude  47º 09’ 13’’ W

        Recordaba Chateaubriand a afirmación de Montaigne de que os homes van sempre boquiabertos cara as cousas futuras, pero que el tiña a teima de se quedar boquiaberto ante as cousas pasadas. Non sei ben que dicirlles.

Colón que, cando menos que eu saiba, só escribiu quince liñas en italiano, nun seica deplorable italiano, pero ducias de páxinas no castelán que daquela escribían os galegos (pensen vostedes o que queiran a este respecto) non foi exactamente un aventureiro, senón un profesional do mar perfectamente formado e informado de acordo cos coñecementos do seu tempo.

Colón que foi a América en catro oportunidades, puido facelo cando o fixo, pero non antes, porque ata a , non había barcos con autonomía abondo pra poder pasar os meses que el pasou a bordo da nao (que non carabela) Santa María, construída que foi nos estaleiros da Moureira pontevedresa. Agora sigan pensando vostedes o que estimen oportuno.

Ven isto a conto de que a min poden pasarme as dúas cousas que seica lles pasaban a Montaigne; por unha banda, se miro atrás miña, quedo boquiaberto ante a fazaña de Colón, pero se miro pra diante sucédeme o que lle sucedía a Montaigne: cando tiven noticia de que uns mariños galegos, todos deste noso terceiro milenio, ían navegar como navegou Colón, abrín a boca, dixen ooooh! E aínda sigo así.

Se os lectores deste non sei se ben chamado caderno de bitácora observan a precisión da derrota pensada e mantida durante tantos días como os que levan a bordo de “La Peregrina” os tripulantes que comanda Xavier Babé, verán que nela se conxugan os coñecementos coas intuicións, e sucede o mesmo, disimúlenme o parangón, que lles sucede a eses cans que os seus amos: abandonanos a centos de quilómetros das súas casas e que, ó cabo dun tempo, regresan a casa, como se viñeran de vacacións.

Digo isto porque coñecín un profesor de educación física que exercía no colexio de cegos que a ONCE ten (ou tiña) en Pontevedra. Para poder traballar con rapaces cegos o meu amigo pasou en ano formándose, non recordo se en Sabadell ou se noutra cidade catalá. Un ano que viviu, iso contoume el, cos ollos vendados. Non fará falta explicar por que e para que.

O caso é que, cada vez que volvía a Sabadell, tiña que pasear por el a ollos cegos para non se perder polas rúas e dar co seu destino sen problemas. Ruídos, olores, ventos, voces, murmurios, eu que sei a cantidade de elementos naturais nos que se tiña que apoiar o meu amigo, pero sen dúbida que  sempre haberá alguén quen decida que o seu era unha cuestión instintiva. Seguro que o era?

O noso capitán Babé cruzou o Atlántico a vela corenta e tantas veces e a min dáme por pensar que o está a facer, agora e de novo, coa experiencia e mailo coñecemento, ou sexa cunha intelixencia racional  que moito me recorda a do profesor de educación física dos rapaces cegos. Os alumnos da ONCE en Pontevedra xogaban ó fútbol e practicaban deportes dun xeito que aínda hoxe, ó recordalo, me marabilla. Eu nas recaladas no noso cabo Vilán deixaba aberto o portillo do camarote porque me espertaba o olor do noso mar… que non é o mesmo olor de tódolos demais mares.

Dito todo isto, comprenderán os lectores que moito me amola o feito de contemplar os touros dende a barreira, alleo ó muxir das bestas, atento ós olores todos do mar. Como comprenderan, iso non  impide nin mingua un ápice a miña admiración polo capitán Babé e máis pola tripulación completa de La Peregrina. Para mariñeiros nós!

E non digo aquilo de que, a quen me dea un pau, doulle un peso, porque non viría a conto e podería ser malamente interpretado. Pero aí lles queda.