22 de marzo

Hoxe navegaron un pouco máis. Deberon coller un bo vento que os fixo adiantar de xeito que, de seguir así, igual fan boa a predición de Xavier Babé de que o Reto Astrolabio habíalles de ocupar entre 19 e 21 días de navegación; algo que onte eu non subscribiría:

 

Latitude:16.07402 N


Lonxitude:36.53159 W

 

O que posto en graos sonlles o seguintes

16º 04’ 12’’ N e

36º 31’ 48 ‘’ W

que venlles sendo a posición exacta de La Peregrina.

A posición na que eles cren estar, logo de calcular por estima o rumbo seguido, élles estoutra:

15º 06’ N 

35º 12’ W

Nunca estiveran tan cerca a unha da outra.

Non inclúo foto das dúas posicións sinaladas na carta porque sendo esta como é de punto pequeno e os círculos cos que pretendo indicalas semellarían que están case que tocándose, unha e outra, e poden crer que median moitas millas entre as dúas, o que non implica que sexa a menor distancia entre as dúas de toda derrota que vimos seguindo.

E aquí o imos deixar. Non se me ocorre, é dicir, non se me acorda ningunha anécdota que deba ser reflectida aquí, nin sequera as prédicas do capelán cando o barco atravesou tres ciclóns en vinte días. Acórdanseme os nomes deles, a saber: o Arlene, o Beulha  e mailo Cloe. Entón, saírse dun ciclón esixía uns cálculos que hoxe son innecesarios e non digo nada se, por un azar, te tiñas que ir movendo con el, porque cadrabas no seu vórtice, ou que o mesmo o ollo do ciclón, un espazo que pode ter un diámetro de medio cento de millas, nos que, se intentas saír, tes que facelo polo seu sector gobernable, porque, se te equivocas e vas dar a un dos sectores perigosos, nin pensar no que che podería pasar. E mañá, se ven a conto, falamos do triángulo das Bermudas. Ou do raio verde e ata se queren das auroras boreais. Isto de chegar á vellez aporta moito a recordar, e a min gústame facelo; que queren que lles diga!