21 de marzo

Vaian hoxe por diante as coordenadas.

A estimada que vai en roxo na carta é a seguinte

15º 18’ N

32º 08’ W

En tanto que a real é:

16º 02’ 45’’ N

34º 08’ 11’’ W

Adxunto fotos -feitas por min, o que é unha garantía de que non han ser nin medio boas- para que se poidan facer unha idea de como anda a cousa; é dicir, o Reto Astrolabio. Para min que, de seguir así, halles levar algún día máis do previsto.

La Peregrina vai adiantada unhas sesenta millas respecto da posición que eles estiman ter, ó SW de onde eles cren estar. Non deben ter moito vento que lles encha as velas, así que non sei que contarlles.

Non podo supoñer que estea pasando isto ou aquelo a bordo do veleiro, pero voume permitir publicar a tradución que un capitán galego, que navega en barcos estranxeiros, fixo dun parágrafo pertencente á The Life of Samuel Johnson a obra que James Boswell publicou no ano 1791, e que Manuel Carrasco Lara-Coira, que tal é o seu nome, publicou no seu portal web que aquí vou deixar reseñado, por se alguén quere visitalo: https://elnavegante.eu.

E aí lles deixo o parágrafo anunciado:

“Ningún home que teña inxenio abondo para acabar no cárcere se ha facer mariñeiro; porque embarcarse é como estar no cárcere, co perigo engadido de acabar afogado. Un home encarcerado dispón de máis espazo, millor comida e, xeralmente, millor compañía”.

Aí lles queda, xunto coas dúas derrotas, a real e maila estimada, seguidas a primeira en azul e a segunda en roxo, pero teñan en conta que o son a modo indicativo: pois os puntos sinalados se os consideramos reais son máis grandes ca nosa Ría de Arousa. Así que deica mañá e que un bo vento leve a La Peregrina a unha navegación mais lixeira.