18 de marzo

Uns dos tan ávidos seguidores do Reto Astrolabio fanme chegar a súa opinión encol do que debo facerlles saber a vostedes do periplo no que están embarcados os nosos amigos. Razón non lles falta. Pero haberá que explicarllo.

O que me veñen dicindo é, máis ou menos, que, de cara ao vídeo do próximo martes, gustarían dunha valoración acerca da primeira semana de navegación pois, entenden eles, que non so é cousa de falar de coordenadas e se van o non van parellos os datos do GPS e máis os da navegación de estima, senón a miña visión do propio reto nestes primeiros días: como os vexo, como coido que o están facendo, cales eran os perigos cos que partían e cales os que vexo que están afrontando con éxito e que creo eu que poden pasar a partir de aquí.

O periplo ó que se enfrontan os nosos navegantes é denominado Reto Astrolabio, porque toda a derrota seguida dende que saíron de La Gomera deica recalen na Deseada, constitúe unha incógnita a dobre banda; por un lado, eles non saberán durante todo ó longo da súa navegación nada do que está a pasar no mundo; mentres que nós, durante todo ese tempo, so teremos a certeza de onde están realmente cada vintecatro horas, e onde eles cren estar transcorrido o mesmo tempo. Que valoracións facer a partir destes exiguos datos?

O único xeito que se me veu á cabeza para encher dalgún contido este caderno de bitácora foi facelo referencialmente, aínda a risco de acabar parecendo o Abuelo Cebolleta contando as súas batalliñas no extinto semanario Pulgarcito.

Por iso contei como se pode deteriorar a convivencia nalgo tan luxoso coma un cruceiro de pracer describindo como a conferencia do xeneral acabou coma o rosario da aurora.

Outro exemplo máis que inxenuamente crín que podería servir de algo foi o episodio vivido por tripulantes e pasaxeiros ó pasar cerca da Illa Tortuga (ou Tartaruga, tamén Sapoconcho, se non respectamos o topónimo debidamente) e de novo a miña inxenuidade levoume a crer que se podería interpretar que un barco pode converterse nunha xaula de grilos nun plisplas.

Será abondo con estes dous exemplos para que os seguidores deduzan que, oito persoas vivindo illadas por completo do resto do mundo, enfrontase a unha convivencia que se pode manifestar en calquera momento dun xeito alarmante. Non vou ir inducindo reflexións a conta do que xa queda escrito neste caderno dende hai tantos días como os que levan a bordo os navegantes de La Peregrina. Pero as consecuencias a tirar da narración do que podía pasar nun transatlántico poderían, pensei eu, inducir o coñecemento da realidade do mar nun esvelto veleiro de vinte metros de eslora.

Cando cheguen a La Deseada e dende alí volvan a Galicia, será o momento de facer as valoracións e describir o que estiveron vivindo durante todo este tempo. Para iso van no barco Thomas Dylan e máis Cynthia, gravando todo que está sucedendo a bordo e mesmo fóra no mar e máis tamén no ceo que rodea a La Peregrina. Por iso van dúas cámaras máis, empoleriadas no cima dos dous mastros de La Peregrina.

Houbo, si, quen pensou que xa deberiamos ter feito un guión prá serie de televisión que xurdirá desta viaxe e dos traballos dos tripulantes; traballos e comportamentos e opinións e sentimentos que Thomas e Cynthia han ir recollendo. Todo iso e aínda máis: que de cara ó vídeo do próximo martes, precisaban dunha valoración miña da primeira semana de navegación.

Entendo que sí é certo e que non é abondo con só falar de coordenadas ou de se van o non van parellos os datos do GPS e os da navegación a estima, senón a miña visión do propio reto nestes primeiros días: cómo os vexo como coido que o están facendo, cáles eran os perigos cos que partían e que vexo si os están afrontando con exito, qué creo que pode pasar a partir de aquí… Pero si eu descoñezo o tempo e o mar que rodean e axitan ó veleiro, se eles mesmos non levan nin un reloxo a bordo, e todo ha transcorrer en silencio e sen máis instrumentos que a intelixencia, a vontade e a decisión de navegar nas condición nas que eles o están facendo.

Xa faremos o guión, Anxel Peláez e máis eu, cando saibamos todas esas cousas e nel ofrecerémosllas ós espectadores da TVG, de xeito que poidan valorar todo o que están vivindo a bordo.

Mentres tanto, eu seguirei ofrecendo “parabolas”, pois non lle vexo outro xeito. Agás que queiran saber que clase de problemas e perigos poden ter. Voulles decir algúns: poden ser abordados por un buque que non os vexa, pode unha vaga de mar emborcar o veleiro e un vendaval deixar as velas feitas farrapos, poden tomar o sol en cuberta e vir moreniños como non estaban ó día da partida. En resume, ímolo deixar aquí. Xa nos chegaron os datos de hoxe, a saber:

 

Estimada:

18º 03’ N

25º 01’ W

 

Real :

17.38888 N

25.30081 W

Ou o que ven sendo o mesmo

17º 23’ 20’’ N

15º 18’ 03’’ W

 

Andan xa polo archipiélago de Cabo Verde. Como se dicía antes, naqueles tempos do EXB: PA, progresan adecuadamente.