16 de marzo
Quen ía dicirme a min que a altura destes meus anos, xa máis invernais que outonais, estaría a recuperar algo da memoria daquel tempo, primaveral e mozo, no que tamén eu crucei o mar maior.
Tamén é coincidencia que xa estea a asomar a primavera; en cinco días, bingo! Todo comezará a renacer se é que xa non o ven facendo dende que o dous de febreiro comezaron a se axuntar os paxariños.
Para o tempo que naveguei e o tempo que hai diso, non deixa de ser curioso (imos dicilo así) que se me axite a memoria e vaia recordando cousas.
Onte, por exemplo, e sen maior razón que me empuxara a elo, deume en pensar en como faría Javier para navegar por estima co ceo totalmente cuberto.
Recordei entón, malamente pero o recordei, que se logo dun día totalmente encapotado se abrise o ceo por onde se estivese a pór o sol, daquela, había un xeito de averiguar a latitude, medindo o tempo que vai dende que o limbo inferior do sol raia co horizonte, ata que o superior desaparece tras dese mesmo horizonte.
O que non conseguín recordar foi que, unha vez medidos eses segundos, toda acción de cálculo que a debería seguir, se me viñese á cabeza. Ouh, a caixa das memorias!
Se alguén o sabe, que faga o favor de escribilo ó pe. Claro que mellor sería ter reloxo a man, e, en La Peregrina, ata eses van precintados. Volver saber o que haberá de certo no que conto constituirá para min un coñecemento inútil, un máis, e, o que sería peor, moi mal recordado. Pero sairiamos de dúbidas. A mente humana élles un misterio. A min parécemo.
Logo dese recordo, incompleto ou mesmo imaxinado, recordei que unha vez o profesor Arana, que o era de astronomía a maiores de ser tamén o director do centro onde nos formabamos na arte de marear, explicounos como se orientaban os patróns de pesca que ían ó Gran Sol e regresaban, facendo uso da epacta luar, ou da solar que xa tampouco non o recordo ben. Un procedemento que, non por rudimentario e de resultados moi aproximados, deixaba de ser útil e a maiores non había outro.
Levo dándolle voltas a ver se recordo algo e non hai xeito de chegar a conclusión algunha. A epacta é o número de días que ten a lúa, o día primeiro de ano contado dende o último plenilunio, pero tamén pode ser que consista no número de días cos que o ano solar excede ó lunar, que conta cunha ducia de lunacións, e determina, e disto si que estou seguro, o ano lunar que segue a igrexa católica para a determinación dos seus ritos.
Recordo si que, regresando cun rumbo que tanto podería ser SE coma SW, o patrón podía ir dar con Santander pola proa ou con Leixoes, recoñecer a costa e virar rumbo, facendo agora navegación de cabotaxe. Cando regrese La Peregrina terei que preguntarlle a Javier Babé que recorda el destes meus coñecementos tan incompletos como inútiles e innecesariamente confesados.
En fin, o seguinte ha ser comunicarlles a todos os que sigan a peripecia destes nosos reais lobos de mar, a posición acadada por La Peregrina ó paso do sol polo seu meridiano superior de lugar. Así que deica logo.
Acaba de chegar a posición real de La Peregrina:
l = 20º 41’ 52’’ N
L= 20º 57’ 36’’ W
Mentres que a estimada ven sendo
l = 21º 30’ N
L =19º 48’ W
Se o interpreto ben, a estima está tan ben feita que coincide case exactamente coa real. A lonxitude xa é outra, un pouco máis grande ca de onte, case que 120 millas. La Peregrina seguiu practicamente un rumbo S, pero a que nos chega, está dous grados ó E.
Q aventura el reto Astrolabio d La Peregrina! Y contada x Alfredo tan d cerca sin estarlo físicamente…. El arte d marear la memoria.
Te recupero en tu cuaderno d bitácora