15 de marzo
O máis parecido, o máis aproximado ó que poida estar sentindo quen manteña o rumbo de “La Peregrina”, nunha noite estrelada, conseguíao eu (ás veces) cando, rematada a quenda no ponte, non me ía deitar ó meu camarote senón que subía á maxistral, á cuberta máis elevada e pequena do barco, deitábame enriba dela e abandonábame á contemplación da bóveda celeste. Ás veces era tal a consciencia da propia pequenez, que unha vertixe demoledora te ocupaba, facéndoo de tal xeito, que ou te revirabas de contado, ou de te abandonar a ela, só Deus sabe como acabarías.
De día era outra cousa. Se levabas a ollada na dirección da proa e contemplabas o horizonte, o mesmo que Manuel Antonio (o noso gran poeta hoxe tan esquecido) consideraba unha corda frouxa, dirías que sempre estabas no mesmo sitio, sempre no centro do mundo, estadio, quieto e repousado se o mar estaba calmo e non ventaba apenas. A constatación da grandeza do mar e da pequenez do seu humano non che producía vertixe ningunha. Era así e punto.
O que tería dado por poder embarcarme en “La Peregrina”, o veleiro esvelto que capitanea Xavier Babé, e recuperar os sentimentos que agora tan só podo evocar! Como ou que serán aqueles centos, xa moitos centos de persoas, que seguen o proceso que está desenvolvendo o Reto Astrolabio? Como os sentimentos que embarguen ós que nel están a navegar? Un veleiro no medio da nada é moito menos que un buque de douscentos metros de eslora. Por iso, pregúntome como serán os que están a seguir este Reto, vivíndoo a través das redes, e que sentimentos e mesmo que curiosidades son as que os moven ou cales se lles han estar espertando.
O caso é que a posición exacta do veleiro era hoxe ás 13 horas a seguinte 23º11’ N e 20º 11’ W mentres que a que eles estimaban era estoutra 23º 04’ N e 20º 18’ W. Comproben a conclusión que lles expoño: navegaron ó rumbo 240º e van case que polo rego; é dicir, que non chegan a sesenta millas a distancia que separa a situación real da estimada. Moito me gustaría saber que vento levan, que velocidade desarrollan e se a miña sospeita de que Babé xa deu coa contracorrente ecuatorial, porque xa non é un rumbo de agulla moi próximo ós 180º, senón que xa meteu caña a estribor, camiño que o capitán, se eu non estou moi despistado, que podo estalo.
E alá vai outro día máis consumido. Da vida a bordo saberemos cando Thomas e Cintia nos amosen o que van gravando nas súas cámaras e máis doutras dúas máis, unha no alto do trinquete e outra no mesa, o mastro máis alto do barco, alá arriba, onde iría a cofa que, saben?, en galego dicíanlle carallo e, de aí, o demandar a alguén ó carallo, mandalo alá enriba, onde todo balance é maior, e todo vento máis frío. En fin, cousas que pode que si, que poden ser certas pero que tamén poden non selo.
Ás 17h 48min a posición era xa 24º03’N e 19º 25’ W e a velocidade que levaba La Peregrina era de 4’2 nudos. Como dicía Pemán na TVG, até mañá. Pois iso.
Deja tu comentario