14 de marzo.
Dependendo do rumbo e da velocidade que leve La Peregrina saberemos dela a distintas horas do día segun vaia navegando. Onte soubemos dela ás 14 horas. Porque tan tarde, non quedáramos en que o saberiamos a mediodía tódolos días? Pois si, pero cando o sol estaba xusto enriba dela, na súa altura meridiana, ou sexa, ás 12 do día, nós xa estabamos nas 16 horas. De que o retraso sexa de dúas horas e non tan só dunha culpen vostedes ó extinto xefe de estado, convertendo en hora legal nosa a que lle corresponde a Berlín, rendéndolle homenaxe ó Tercer Reich; xa saben, alá onde o totalitarismo se asentara en non moi boa hora.
E hoxe? Pois hoxe se gañaron lonxitude (algo que aínda non sabemos se sucedeu; saberémolo algo máis tarde) saberémolo ás seis da tarde ou dito polo fino ás 6 p.m. (6 post meridie). Ó ir para América, ó ir rumbo W a bordo dun barco, cada día poderás durmir unha hora máis; pola mesma razón que, ó vir de volta, cada día durmirás unha hora menos. Recordado sexa así, en razón de que non tódolos seguidores do Reto Astrolabio han estar na conta destas cousas.
Onte o capitán Babé levou case sempre un rumbo 180º, un rumbo sur, baixando latitude, cando sempre haberá quen poida pensar que se do que se trata é de ir cara América o rumbo debería ser 270º, é dicir, oeste e sen precisar moito.
Houbo moitas preguntas neste sentido. Non estou na mente de Xavier Babé, pero ocorréseme pensar que o que está facendo e baixar ata coller unha contracorrente ecuatorial que o leva case directamente á illa La Deseada que non está precisamente na latitude de La Gomera, senón algo máis cerca do paralelo O, a do ecuador, xa por embaixo do trópico, nas coordenadas 16º 19’ N e 61º 03’ W. Probablemente, estea Xavier Babé buscando esa latitude e a corrente que o empuxe ó par dun vento alisio que colabora en debida forma. Pero non se fíen de min, xa quedou advertido que estou a dúas velas nisto da navegación nun veleiro.
Por iso, ímolo deixar aquí ata que nos cheguen as dúas posicións de La Peregrina, a exacta e maila que creen ter os tripulantes do veleiro esvelto no que cruzan o mar, coma se o fixeran séculos antes do actual. Entón, xa pola tardiña, elucubraremos un pouco máis. Deica logo.
Ás 15 horas xa sabemos a posición real de La Peregrina; está nos 24º 42’ N e os 18º 49’ W, navegando a uns 4’4 millas/hora a rumbo sur. Agora fáltanos saber onde creen eles estar logo de ter feito os cálculos por estima. Alá quedaron o cabo Boxador, chamándolles de través por Br. e ou moito me equivoco pero un pouco máis ó sur debe estar Villa Cisneros.
Cousa das seis da tarde chéganos a posición estimada de La Peregrina, a seguinte l 24º36’N L18º42’W. Se o deduzo ben (admítense correccións) a posición estimada indícanos os de La Peregrina creen a tan só 30 millas ó SE da posición real que ocupa o barco. Tiren os lectores as consideracións pertinentes.
Deja tu comentario