12 de marzo.
Hai medio século, aínda era unha aventura o feito de cruzar ó océano navegando por estima. Podías facelo en cinco ou seis días baixo un ceo encapotado, sen poder ver o sol e aínda menos un par de estrelas que che permitisen fixar unha situación máis ou menos exacta da posición do barco.
Entón, xa se dispuña de radar, de sonda, de radio goniómetro, de agulla xiroscópica e mesmo había, en determinados lugares do planeta, que utilizar un par de sistemas como eran, se recordo ben a escrita das súas denominacións, o Loran e mailo Decca. Ah, e o barco era de motor. Pois ben, con todo e con iso, era aventurado supor que sería o resplandor do Faro de Vilán o que aparecería pola proa; cando o facía, mantiñas o risco que sempre supón o feito de navegar, e desaparecía a aventura de ter que estimar por onde estabas ó xurdir a luz lonxana do faro de recalada, que non era o de Fisterra, senón o de Vilán. Tan era así como lles digo, que o feito de navegar dende Nova York á Coruña, por enriba dos 42º de latitude, conlevaba un plus de perigosidade, que se reflectía na nómina mensual. Navegar era o que sempre foi, un risco e, ás veces tamén, unha aventura, pouca pero aventura. Imaxíneno.
La Peregrina zarpou hoxe da illa de La Gomera, e cando vostedes estean a ler esta crónica de urxencia, xa estaremos pendentes de saber onde están exactamente e onde eles cren estar, porque o reto emprendido pola tripulación que capitanea Xavier Babé, consiste en cruzar o océano Atlántico Norte, sen maior axuda que a que lles pode prestar un trebello de imprecisión tal coma é un astrolabio. Con el houbo que navegar ate ó século XVII. La Peregrina está a navegar a vela, estimando os rumbos, estimando a velocidade do veleiro, dependendo da forza e dirección do vento, pero tamén, das que aporten as correntes mariñas, na actualidade algo cambiantes.
Non está de máis recordar todo isto. La Peregrina dependerá da intelixencia e maila intuición de quen a capitanea, asumindo a permanencia do risco e admitindo a recuperación da aventura. Por iso, dicimos dela, que esta a correr un reto, o Reto Astrolabio.
A bordo non saberán a súa posición exacta, que chegará nós con puntual precisión tódolos días; o mesmo fará a posición na que han estimar que se encontran, A tecnoloxía actual permite saber en todo momento a posición, o rumbo e a velocidade de tódolos barcos que navegan polos mares todos do planeta, eses vellos sete mares que o capitán Babe xa os sucou todos. Eles poderán facernos saber onde estiman estar, pola mesma razón anterior, pero nin sequera poderán saber se a noticia chegou, ou non, ó noso poder.
Como se pode seguir o rumor e a localización da peregrina?
Bos días!
Diariamente actualizamos os datos de seguimento de navegación ‘a estima’ e datos reais de GPS no noso mapa principal. Nel, poderá atopar dúas liñas, cun último marcador pivotante, que indica onde é que estamos no día de hoxe (e así, sucesivamente hasta destiño). As liñas van moi parelas, ao menos de momento, así que, para percibir a variación, debe ampliar o mapa todo o que poida, empregando CTRL.
Moitas grazas polos seu interese no noso «Reto Astrolabio», e agardamoso seguimento da nosa embarcación «La Peregrina» sexa do seu agrado.
Un saúdo!