8 de marzo

Cando eu navegaba, naquel outro mundo existente nos anos sesenta do século pasado, é dicir, no anterior milenio, había unha norma non escrita, pero si oralmente moi repetida, que establecía que a única diferencia entre un capitán e Deus era que a Deus non se lle vía…pero ó capitán si. Razón non lle faltaba. Se onde hai patrón non manda mariñeiro, nun barco cheo de xente, atravesando os mares, é o capitán quen debe tomar as decisións e nin a presenza a bordo dun práctico de porto o exime das súas responsabilidades.

Pois ben, o capitán Babé decidíu que hoxe non se sae camiño da Deseada. Ha ser o luns cando La Peregrina, comece o seu reto. Resulta que o notario ten que vir dende Tenerife e que iso non sucederá deica ese día. Así que non vai ser cousa de saír ó mar con todos os aparellos cos que nos fornece a tecnoloxía moderna porque do que se trata é de cruzar o mar maior, o mar de fóra, provistos tan só dun astrolabio…algo así como ter fame e tomar bicarbonato.

En que entreter os días de espera. Ofertas non é de crer que lles falten moitas ós tripulantes de La Peregrina. Fáltannos a nós para llas ofrecer entretendo a espera, adurmiñando a súa curiosidade…que tamén é a nosa, e conseguindo que permanezan atentos á aventura, porque é certo que vivir non é necesario, pero navegar si. Seguir ós de La Peregrina é seguir as súas vidas na aventura que, poden crelo, están moito máis ansiosos ca nós de emprendela de contado.