4 de marzo
Hoxe La Peregrina arribou de mañá cedo á Illa de La Gomera, alá polas Illas Canarias, que non se chaman así porque nelas houbera moitos paxariños rechouchiadores, senón polos cans de presa que nelas segue habendo e son tan indebidamente usados -non nelas, pero sí por aí adiante- para as pelexas de cans que a moitos (demasiados) tanto entusiasma.
Como un esvelto veleiro atracado nun peirao como ó que hoxe acaba de acoller a La Peregrina non da pra moito que contar, véñenseme á miña cabeza episodios vividos hai medio século cando, dende Cádiz a Veracruz, levamos en cuberta cinco mil galos de pelexa poisque alí as loitas entre eles teñen (ou tiñan) gran aceptación. Considere o lector o que supón o canto de cinco mil galos celebrando o novo día, mañá tras mañá, ata chegar alá ó Estado Jarocho.
Noutra ocasión, o que trouxemos de alá foron os cabalos dun rexoneador español. Un deles, un dos cabalos, toleou, e ó desembarcalo en España, o seu dono tivo que pegarlle un tiro. Menos mal que os outros dous levaron mellor o encerro. Poder, pódense evocar máis destes sucedidos, pero remataremos cun envío de codias de sobreira, de cortezas de alcornoque, se queren que o diga en castelán, dende Lisboa a New York. Non sei se para facer rollas con elas (corchos) ou para habilitar colmeas ecolóxicas, porque lavadoras de roupa nas que facer a colada, é utilización que quedou obsoleta. Se teñen interese, pode ser recordado que a colada chámase así dende que o lavado de roupa se facía en toros de sobreira valeirados da cerna e mailo o sámago e conservada a codia. Hoxe é o caso que, agachadas entre tanta codia de sobreira, viñeron centos de lagartos , píntegas, cobras e lagartixas que houbo que exterminar.
Para ir rematando, pois hoxe non hai moito que contar, verbo dos animais. Houbo viaxes nas que os tripulantes de fonda, é dicir, os camareiros, que nos portos quedaban libres, adoitaban traer loros, guacamaios e bichos deses escondidos nos camarotes da pasaxe que non viñan ocupados; porén eu nunca vin ó capitán cun deles no ombreiro coma seica os levaban os piratas. Non quero que sexa coma unha invitación, pero a Xavier Babé igual non lle viña mal un loro pousado no seu ombreiro e mesmo a foto acabábase facendo viral.
Cando reciba noticias frescas da recalada en La Gomera, incluireinas aquí, por se alguén as le cheo de interés, cando non de simple e moi admisible curiosidade.
Deja tu comentario