1 de marzo

Hoxe, ás 11’15 La Peregrina navegaba a menos velocidade de onte. Onte ía a fume de carozo, que diríamos os galegos. Xa saben que un carozo de millo arde cun fume lixeiro que ascende non vertixinosamente, pero case. Pois ben, onte houbo velocidades de ata 9 nos, de 9 millas/por hora, ou sexa, prós que non anden nas contas, non moito máis 16 km/h, o que para un veleiro como La Peregrina chéganlle ben.

A velocidade nese momento éralles de 5’4 nos, algo menos duns 10 km/h a unhas 480 millas dun Agadir que lles demoraba ó SE. Agadir élles aquela cidade marroquí que padeceu un sismo moi forte, alá polo ano 1960, tal día coma o de onte. Alá van 64 anos da triste efeméride que se levou case quince mil persoas por diante. O ceo está cheos de nubes, venta a 20 km/h e o veleiro navega a rumbo próa á La Gomera. O que non sei eu é se Babé buscará a próximidade do archipelago de Madeira ou se manterá a proa que leva.

Onte os rapaces dun colexio de Majadahonda, o Caude, cercano a Madrid fixeron preguntas produto da curiosidade que senten ó saber deste Reto. Como explicarlles que as correntes mariñas son coma se fosen carreteiras que levan sempre a mesma dirección, máis ou menos) e que o barco que navegue atravesándoas noutra dirección distinta da que elas leven van desvialo do seu destino. O mesmo lle sucede ó vento e con moita máis intensidade se ven de través (atravesado, diríamos) facendo o mesmo.

As correntes frías veñen dos dous polos e suben cara ó ecuador mentres que as quentes suben dende este cara o norde, dito así con algo de imprecisión. A do Labrador, que é fría, baixa pola coste leste de América do Norte e continentaliza o clima de Nova York e así teñen veraos moi calorosos e invernos moi fríos mentres que a do Golfo de México, que é quente, sobe pola costa da Florida e ó chegar ó cabo Hatteras desviase cara Europa e baña parte de noroeste de España e da o clima de chuvias que temos os galegos, estando como estamos caseque á mesma distancia do ecuador que os neoiorquinos.

Eses ventos, esas correntes, todo elo fai que o feito de navegar fose considerado un arte, o arte de marear, algo que non se pode dicir de quen viaxe por carreteiras e si pode dicir dos que o fan polo aire. Cando a Segunda Guerra Mundial creuse que os ianquis inventaran avións que voaban a moitos máis quilómetros por hora do habitual e posible ata que se caeu na conta que as velocidades adquiridas na travesía do Atlántico eran debidas ás jet stream ás correntes de chorro da estratosfera que teñen ventos de 250 km/h e que ó empuxar ós avións pola súas colas, ás que nos barcos se lles din popas, os facían chegar en catro ou cinco horas, que nin que fosen o Concorde, aquel avión supersónico que retiraron da circulación hai xa anos e que te puña de París en Nova York en menos de catro horas. En fin, curiosidades de rapaces posiblemente mal explicadas por min pero conste que a intención, a intención de darllas, era boa.