28 de febreiro

Hoxe, ás 7’30 da mañá, La Peregrina xa deixara O Porto pola popa e estaba con Aveiro de través, pois avanzara ben, unha vez axudada polo ventos do norte. Continuaba coa proa buscando sur, que a levase ás Illas Canarias. Facíao con vagas de mar de ata 3 metros, o que non é demasiado, pero tampouco se pode dicir que fosen pequenas. É de supor qu,e fose quen fose o que levase a roda nese momento, debería ir ben abrigado, porque a temperatura era de 10ºC e a sensación térmica é de supor que sería algo máis baixa. Cando se fala disto,acórdome que, en Zaragoza, insistíronme unha vez en que alí non vai nunca moito frío, que o que sucede é que hai moito vento. Pois por aí é por onde lles anda a cousa, e como cabe imaxinar, o abrigado que debe ir nestes momentos quen goberne o rumbo da esvelta La Peregrina, mentres esta avanza a 7’2 nos de velocidade.

Onte, logo de deixar escrito o texto deste estraño caderno de bitácora, retirei dun andel da miña biblioteca un dos Diarios de Navegación que conservo de cando, hai sesenta anos, rexistraba neles os pormenores das singraduras corridas, mentres facía as prácticas para poder acceder ó exame de piloto. Moito cambiou o mundo dende entón. Constatalo de novo faime valorar, nunha medida coido que bastante exacta, a empresa na que se embarcaron os meus amigos e evocar aquí a súa xesta en debida forma.

Daquela tamén navegabamos por estima, como eles van ter que facer unha vez que, dende a illa de La Gomera, aproen cara a “ La Deseada”. Atravesar o Atlántico co ceo encapotado todo ó longo da travesía non era nin a metade de complicado que, de sucederlle a eles o mesmo, van ter que atravesalo eles.

Hoxe, cun teléfono móbil adecuado, podes atravesar o océano sen maior problema, pero daquela, non era así e non o era nun barco de motor, dono dunha agulla xiroscópica, cando menos dun radio goniómetro e dunha sonda que che podía indicar por onde máis ou menos navegabas.

Imaxinar isa mesma situación estando a bordo dun veleiro, calculando a ollo a velocidade que leva o barco e a forza que ten o vento, o sentido das correntes e polo tanto o abatemento que ten o barco, require unha experiencia que non tódolos homes de mar posúen. Xavier Babé si conta con ela. Por iso e, se todo segue sendo así, como o está sendo agora, cabe pensar que chegarán a La Gomera o vindeiro dia 4 de marzo…ou ó millor un pouco antes. Ogallá a miña suposición sexa certa.