O RETO
O RETO
Un grupo de mariñeiros enrolados para facer unha viaxe única: cruzar o Atlántico usando só instrumentos do século XVII.
Para ir facéndose ao mar, a nosa tripulación partirá co barco La Peregrina de Galicia, dende a Illa de Arousa ata á Gomera, que será o punto de partida desta aventura.
Alí, con todos os instrumentos modernos de navegación baixo chave (sen sextante e cronómetro), a tripulación de La Peregrina só contará con tres ferramentas para levar a cabo o reto: o astrolabio, a ballestilla e o seu olfacto mariñeiro. O destino: a Deseada, unha pequena illa ao sureste do Caribe, ao outro lado do Atlántico.
Mergúllaste con nós nesta aventura chea de emoción e risco? Estás preparado para O Reto Astrolabio?
A TRIPULACIÓN
A TRIPULACIÓN
JAVIER BABÉ
O Capitán
Apaixonado do mar dende neno, comprou o seu primeiro veleiro, o Lukas II, á idade de 26 anos, coincidindo co seu primeiro mando na Mariña Mercante. Neste barco fixo a súa primeira travesía do Atlántico a vela.
Esta viaxe foi a súa catarse; deixou a mariña mercante para dedicarse profesionalmente á vela.
A partir dese momento comeza a vivir a súa vida como unha consecución de aventuras. A primeira, construír unha goleta de tres paus chamada Idus de Marzo, coa que realiza a primeira expedición Española á Antártida en 1982/83. Despois, co Cabalo Xoan, un veleiro de 43 pés, fai chárter por Canarias e o Caribe, ata que en 1990 merca o seu actual barco La Peregrina, un veleiro de 20 metros, co que se dedica a facer chárter, sobre todo de mergullo, expedicións, mestranza mariñeira e práctica en navegación de altura.
Ata o dagora, por medio destes catro veleiros, Javier Babé suma xa 41 travesías do Atlántico.
Toda esta experiencia acumulada, ademais da grande admiración polas antigas proezas da navegación, foron o xerme que deu co Reto Astrolabio.
ALFREDO CONDE
O narrador en terra
Escritor laureado (premio Nacional de Literatura e Premio Nadal) sempre estivo atraído irremediablemente polo mar. Ser mariño mercante, sen dúbida, foi o medio para estar preto del, e ter a experiencia de primeira man para os seus escritos.
«O único que sempre fun, foi ser escritor, e o que máis me segue a atraer é o mar, quizais todo o demais que fun, foi para poder ser escritor. Fun mariño, entre outras razóns, para poder velo mundo saíndo do ambiente pechado da España da miña xuventude. Feita esta matización direi que hai pobos guerreiros, outros mercaredes… e outros coma nos que somos navegantes. A nos sempre nos foi máis doado chegar a Irlanda ou Escocia que chegar a Madrid».
CRISTINA GÓMEZ
Practicou vela dende moi pequena, apaixonada do mar, o mergullo e a navegación, é a acompañante habitual de Javier Babé nas súas viaxes, o que lle deu un profundo coñecemento tanto do mar, como da Peregrina.
ALEJANDRO DIÉGUEZ
Xornalista, editor, produtor e fundador do Varadoiro do Xufre na illa de Arousa. É ademais afeccionado á vela dende ben mozo e navegou en moitas ocasións con Javier Babé.
ANTONIO GRANDÍO
Médico e navegante, apaixonado das embarcacións tradicionais, navegou en múltiples ocasións con Javier Babé facendo non poucas travesías oceánicas.
JOSÉ DURÁN, «JOBÓ»
Verdadeiro home de mar, profesional da pesca e navegante entusiasta, levou con Alejandro Diéguez o Adaxe Catro de Galicia a Estambul.
THOMAS DYLAN HARRIS
Cámara e director de fotografía. O Reto Astrolabio será o seu primeiro contacto cunha aventura no mar, polo que será, sen dúbida, un fito na súa traxectoria profesional.
CYNTHIA MENÉNDEZ
Escritora e libreira en Pontevedra. Apaixonada do mar, esta será a primeira vez que se embarca nun veleiro para realizar unha longa travesía.
JOSÉ CUIÑAS
Arquitecto técnico e afeccionado á navegación a vela. Navegou en La Peregrina en múltiples ocasións, ademais de no seu propio barco, o Bulebule.
A EMBARCACIÓN
A EMBARCACIÓN
LA PEREGRINA
La Peregrina, a nosa embarcación, é realmente a principal protagonista deste reto. Deseñada polo reputado enxeñeiro naval Germán Frers e construída na Axentina en 1984, é un queche de aceiro de vinte metros de eslora, con fermosas liñas clásicas e grandes virtudes mariñeiras.
O seu plano vélico confórmano unha vela de proa (génova ou yankee), unha vela trinqueta autovirante (con botavara), unha vela maior e unha mesana.
A súa distribución interior alberga cinco camarotes dobres, tres cuartos de baño, un amplo salón/cociña, así como unha zona de navegación cunha gran mesa de cartas.
Na bañeira, elevada sobre a cuberta, fronte o posto do piloto, disponse de amplos bancos e mesa exterior.
La Peregrina a pesar do seu tamaño, non dispón de asistencia eléctrica para os winches e carece de hélice de proa, polo que o deseño da embarcación precisa dunha tripulación experimentada.
O DOCUMENTAL
O DOCUMENTAL
Reto Astrolabio é unha longametraxe documental de 90′ de duración, que tamén pode verse en formato de miniserie de seis episodios de 25′ de duración cada un.
O documental (ou a miniserie) entra dentro do xénero aventura, cun importante compoñente didáctico e de entretemento para todos os públicos.
Idea orixinal: Javier Babé
Dirección e produción: Alejandro Diéguez
Guión: Alfredo Conde y Ángel Peláez
Dirección de fotografía: Thomas Dylan
Grafismos: Antaruxa
Música orixinal: Arturo Kress
Produción de sonido: Brais Barreiro